O "Dos más dos" de María Castro e Daniel Guzmán abre a tempada de teatro de Afundación
Por Redacción
Unha nova tempada de teatro chega ao auditorio de Afundación en Pontevedra. A obra que estreará o ano é Dos más dos, protagonizada polos actores María Castro, Daniel Guzmán, Miren Ibarguren e Álex Barahona. Representarase o sábado 27 de xaneiro ás 20.30 horas.
Dos más dos é a adaptación teatral da película homónima arxentina que foi todo un éxito no ano 2012. Relata a historia de Adrián e Julieta, Tomás e Silvia, dúas parellas de amigos de toda a vida que ao achegarse aos corenta conseguiron o éxito profesional e persoal.
Adrián e Julieta están felizmente casados desde hai anos e teñen un fillo preadolescente. Tomás e Silvia preferiron non casar nin ter fillos e gozan da súa vida en parella os dous sós.
Unha noite de celebración, Tomás e Silvia cóntanlles aos seus amigos que practican o intercambio de parellas e que lles encantaría compartir esa práctica con eles. O que parece unha confesión inocente acaba desestabilizando por completo ao matrimonio, xa que lles obriga a facer fronte á falta de paixón na que viven mergullados desde hai anos.
Ao ver a química que teñen os seus amigos, Julieta decide non resignarse e loitar por recuperar esa chispa con Adrián. E para iso, entre os tres, tratarán de convencelo de que se lance a esta aventura. O que ningún imaxina son as consecuencias.
As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com a un prezo de 21 euros.