Pequenos Keith Haring de dous anos en Portonovo
Por Redacción
A escola infantil Abrente de Portonovo, en Sanxenxo, recreou esta semana a obra do artista estadounidense Keith Haring, considerado un dos máis importantes pintores de grafiti dos anos oitenta.
O centro comezou o ano coa actividade 'Aprendendo a ensinar: a arte de Keith Haring', unha homenaxe á obra deste artista cuxo traballo reflicte o espírito da xeración pop.
Keith Haring descubriu a súa habilidade innata de debuxar cando era un neno e os debuxos animados foron a súa inspiración e elementos visuais como pratos voantes, persoas, nenos gateando, teléfonos convertéronse en parte dos protagonistas da súa obra. Trátase, por tanto, dunha obra moi próxima ao alumnado desta escola infantil.
O centro explicou que o alumnado de dous anos traballou as siluetas desde a arte e a psicomotricidade e todos se tombaron no chan creando diferentes posturas cos brazos e as pernas. Debuxaron as siluetas formando un gran mural e, a continuación, as siluetas enchéronse de cores con diferentes tonalidades.