A exposición do taiwanés Page Tsou alonga a súa estadía en Pontevedra ata o 4 de marzo
Por Redacción
A exposición 'Hide & seek' do afamado ilustrador taiwanés Page Tsou prolongará a súa estadía na sala de exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra ata o 4 de marzo. Nun primeiro momento, estaba previsto o peche o 14 de xaneiro, pero o éxito que acadou motivou que se prolonguen os prazos.
A mostra inaugurouse o xoves 7 de decembro e neste primeiro mes recibiu a visitantes chegados de todas partes de Galicia. A intención da ampliación é achegar a obra de Page ao maior número de público e tamén aos centros escolares , xa que coincidiu con vacacións de Nadal.
Na mostra recrea un mundo onírico, ás veces inquietante e sempre enigmático, onde as súas mensaxes esconden lecturas diversas. O título da mostra é en si un xogo de palabras. Segundo explicou o propio artista, "gústame debuxar incluíndo sinais ocultos e distintos significados. A maioría das miñas obras son libros ilustrados nos que se tratan certos temas serios envoltos da inocencia e a diversión dos nenos. Esta é a idea principal que reflicte a exposición".
Page Tsou (Taiwan, 1978) é especialmente coñecido en España como ilustrador de libros infantís, como O soldado de chumbo, publicado en 2012 por Edicións SM.
Ademais, foi recoñecido con galardóns internacionais como o Premio de Debuxo Man Group en 2008 e o Premio Internacional de Ilustración Feira de Bolonia-Fundación SM en 2011. As súas obras forman parte de coleccións públicas e privadas como a Fundación Conran (Reino Unido), o Museo de Belas Artes de Taipei (Taiwan) e o Museo do Cartel de Wilanów (Polonia).
Internacionalmente o nome de Page Tsou tamén está asociado a traballos creativos para marcas como Johnny Walker, Gucci ou Montblanc.