O topónimo ten a súa lóxica explicación. A Moureira deriva da "moira, sal moira", a salmoira, e de aí a moureira. Historicamente o barrio tiña tres tramos. O primeiro; a de Arriba, desde a Ponte do Burgo ata as inmediacións da ponte da Barca; A Moureira da Barca e desde as Corbaceiras ata a ribeira dos Peiraos (chegando ata a actual Palamios). Logo quedou na Moureira de Arriba e de Abaixo.
Para José Benito García iglesias hoxe en día é unha zona practicamente perdida con contadísimas edificacións ou almacéns orixinarios. Paradoxos... o barrio onde se conservaba a esencia do mar non puido conservarse a si mesmo.
"A Moureira foi moi maltratada. Era o arrabal de Pontevedra, non era unha zona marxinada. Inicialmente vivían as persoas relacionadas coa actividades vinculadas ao mar. Quedaba extramuros. A medida que escaseou a sardiña, o barrio foise degragadando e o Gremio de Mareantes perdeu poder. No burgo non lle deron maior importancia. Con todo, toda a riqueza estaba aí e a vila resentiuse e perdeu o seu potencial económico.", conta José Benito enPontevedraViva Radio.
Neste Cara a cara falamos daquela Pontevedra que tivo na mar ao seu principal activo económico.Unha tesitura que nos leva tamén a reconsiderar algúns aspectos da celebérrima Feira Franca. E non só un sector potente, incluso unha arte de pesca propio: a entallada, que explica perfectamente García Iglesias grazas ao traballo que realizou durante dous anos previos á edición deste libro.
Nese tempo de traballo de investigación o seu autor falou con veciños da Moureira. Lembra en "Onde a salmoira. A Moureira e as súas xentes" a nomes como os Irmáns Nodais, Irmáns Pazó, familias arraigadas ao barrio como "os pandeiretas" e a outros que aínda que non residían alí, o exercicio da súa profesión si os vinculou a aquel arrabal.