Ecología Azul presenta a exposición fotográfica de natureza "Al Natural"
Por Oskar Viéitez
Ecología Azul presenta a exposición fotográfica de natureza "Al Natural". Realizada polos biólogos pontevedreses David Villegas e Gonzalo Mucientes, pretende transmitir unha visión persoal sobre a biodiversidade do noso planeta, tanto terrestre como mariña.
É unha iniciativa que ten entre outros fins a divulgación científica e a promoción da conservación da biodiversidade e o desenvolvemento sustentable.
"Al Natural" é unha recompilación fotográfica que nos transporta desde o fondo do mar ata a cima das grandes montañas, cunha visión naturalista á vez que curiosa da nosa contorna.
As instantáneas seleccionadas foron obtidas durante anos de viaxes e expedicións por océanos, selvas, desertos, montañas e áreas boreales de todo o globo, sen deixar de lado a Galicia salvaxe. Sempre ao natural.
"Apaixonados do mundo natural nosa forma de ver o mundo salvaxe é o que pretendemos mostrar e transmitir nesta exposición", afirman os autores no catálogo da exposición.
A mostra será inaugurada este xoves día 4 de xaneiro ás 19:00 horas na galería de arte MUSART, situada no número 28 da rúa dos Ferreiros. Permanecerá aberta ata o 31 de xaneiro en horario de 12 a 14 horas de luns a venres e de 19 a 21 horas de luns a xoves.