Josu de Solaun, pianista de prestixio internacional, ofrece un concerto no Teatro Principal
Por Redacción
Este luns 18, ás 20.30 horas, o Teatro Principal acollerá un novo concerto organizado pola Sociedade Filarmónica de Pontevedra coa actuación do pianista valenciano Josu de Solaun.
Este intérprete graduouse na Manhattan School of Music de Nova York e actualmente exerce como profesor titular de Piano na S. Houston State University de Texas.
Trátase dun dos pianistas máis destacados da súa xeración cunha gran proxección internacional. En 2014 obtivo o primeiro premio no XIII Concurso Internacional George Enescu de Bucarest, onde gañaron músicos tan importantes como Radu Lupu ou Elisabeth Leonskaja.
De Solaun é o único español que gañou este certame ao longo de case sesenta convocatorias. Tamén obtivo o primeiro gran premio no XV Concurso Internacional José Iturbi e o primeiro premio e premio do público no primeiro Concurso de Piano da Comunidade Europea en Praga.
Actuou como solista con numerosas orquestras de prestixio mundial como, entre outras, a Filarmónica da Cidade de México, a American Ballet Theater Orchestra de Nova York e mesmo a Orquestra da RTVE e a Real Filharmonía de Galicia.
No seu concerto en Pontevedra, Josu de Solaun ofrecerá un programa con obras moi variadas, desde pezas de Enescu ou Chopin a partituras de Brahms, Schumann e Manuel de Falla.
Relacionadas:
-
RADIO.- Gonzalo Martínez: "Neste país o ensino de música practicamente non existe"
Por Marisa Ciordia |
-
O pianista Josu de Solaun dará este sábado o recital suspendido por unha caída
Por Redacción |
-
Unha caída en Barajas obriga a aprazar o concerto de Josu de Solaun en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Filarmónica programa 10 concertos malia ser malos tempos para a música clásica
Por Redacción |