A denuncia do acoso sexual, a través da mirada de Natalia Sánchez e Fernando Guillén Cuervo
Por Mónica Patxot
Carol, unha estudante universitaria acode ao despacho dun profesor para pedir que lle suba a nota dunha materia. Con esta proposta comeza 'Oleanna', unha obra do popular escritor norteamericano David Mamet.
A partir dese punto de arranque desenvólvese unha historia centrada na loita de poder entre dúas persoas nas que se combina o acoso sexual e cuéstionase o sistema académico. Na versión española que na noite deste xoves ofrecíase no Auditorio de Afundación, o personaxe de Carol interpretábao Natalia Sánchez e o rol do profesor era protagonizado por Fernando Guillén Cuervo. A obra tenta reflectir dous puntos de vista e buscar a implicación do espectador, de forma que poida chegar a verse identificado cos dous personaxes.
'Oleanna' foi estreada en 1992 en Estados Unidos provocando reaccións contra o autor ao que se chegou a cualificar de oportunista e misóxino. Mamet explicou que el non escribía propaganda política con este texto. "Se buscan solucións fáciles, acendan a televisión", apuntou o dramaturgo, que se caracteriza por escapar das verdades absolutas e do politicamente correcto.
O Auditorio de Afundación rexistrou unha boa entrada de público para ver esta montaxe dos dous coñecidos actores, pero sen chegar a encherse.