O Museo de Pontevedra abre o prazo para inscribir a escolares nas actividades de Nadal
Por Redacción
A partir deste xoves 14 e ata o mércores 20 de decembro permanecerá aberto o prazo de inscrición para escolares de entre 5 e 12 anos que queiran participar nas actividades que o Museo de Pontevedra organiza durante estas festas do Nadal.
As propostas para este ano céntranse nun xogo de busca sobre as diferentes formas de representar á familia, que finalizará coa elaboración dun adorno de Nadal.
O tema escollido é a familia aproveitando que estas festas sempre se relacionan co encontro familiar. Baixo esta idea, traballarase a representación histórica da familia a través da arte e buscaranse obras sobre a maternidade, os avós ou os fillos. A partir de aí tamén se tratarán temas como a vida doméstica, o respecto aos maiores ou a tradición dos beléns.
Organizaranse grupos por idades dun máximo de 15 participantes. As inscricións poden facerse chamando ao teléfono 986.804.100, extensión 42413 ou na dirección de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo.es, en horario de luns a venres de 08.30 a 14.30 horas.
En caso de haber máis solicitudes que prazas se realizará un sorteo público o xoves 21 ás 10.00 horas no edificio Fernández López. A listaxe definitiva publicarase na web do Museo e poderá ser consultada no punto de información do Sexto Edificio.