Catro filmes de cine asiático, oferta do Cineclube Pontevedra para xaneiro
Por Redacción
O Cineclube Pontevedra estreará o ano 2018 ofrecendo ao seu público unha mostra de cine asiático, composta por catro filmes rodados nos últimos anos en Taiwán, Tailandia e Corea do Sur. Todas as proxeccións serán os martes ás 20.30 horas no Teatro Principal.
A primeira sesión será o martes 9 de xaneiro, día no que se poderá ver a película A asasina (Nie Yinniang), dirixida polo cineasta taiwanés Hou Hsiao-Hsien, premiado por esta cinta como mellor director no festival de Cannes de 2015.
Ambientada na China do século IX, narra a historia dunha nena que é secuestrada por unha monxa que a inicia nas artes marciais, transformándoa nunha extraordinaria asasina encargada de eliminar gobernadores locais crueis e corruptos.
Rebeldes do deus Neón (Qing shao nian nuo zha), a primeira película do tamén taiwanés Tsai Ming-Liang, será a proposta do martes 16.
Nela, un mozo excéntrico e introvertido -cunha conflitiva relación cos seus pais- coñece a un delincuente e a súa moza, unha traballadora da sala de patinaxe sobre xeo. A súa vida vai ficar perversa e indisolublemente ligada á de ambos, aos que espreitará desde as sombras.
De Tailandia chegará o martes 23 a película Cemiterio do esplendor (Rak ti Khon Kaen), do director Apichatpong Weerasethakul.
Está protagonizada por unha enfermeira que regresa á súa aldea natal para coidar duns soldados que sofren unha estraña doenza do soño que os ten a durmir a meirande parte do día nun hospital improvisado nunha escola. Alí, establecerá contacto co mundo onírico a través dunha médium que afirma poder comunicarse cos espíritos.
A última proxección do mes será, o martes 30, a da película surcoreana Noutro país (Da-reun na-ra-e-seo), o primeiro traballo do director Hong Sang-Soo.
Conta a historia dunha estudante de cine que foxe canda a súa nai para eludir as débedas cos seus acredores. Na súa nova vila, para se evadir da realidade, decide escribir o guión dunha curtametraxe. É entón cando aparecen tres mozas chamadas Anne, as tres protagonistas da curta, interpretadas por Isabelle Hupert, que viven tres situacións distintas e, ao tempo, similares. Ou viceversa...