Casto Sampedro, protagonista da última "superprodución" de Os de Algures
Por Alejandro Espiño
Unha "superproducción" tradicional galega. Así describen os responsables de Os de Algures o espectáculo Casto Sampedro na memoria da Boa Vila, que representarán o vindeiro sábado 16 de decembro, a partir das oito e media da tarde, no Teatro Principal.
Por cuarto ano consecutivo, a agrupación opta por centrar nunha figura da cultura pontevedresa o seu traballo pola recuperación do noso patrimonio etnográfico. Nesta ocasión, o elixido foi Casto Sampedro, director fundador do Museo de Pontevedra, polo seu traballo como recopilador do cancionero musical de Galicia.
Os de Algures subirán ao escenario do Principal a un total de 86 persoas. Xunto os seus propios integrantes colaborarán as pandereitas de Seixebra (Moaña), bailaríns da agrupación Celme (Pontevedra) e actores da Aula de Teatro Municipal, que interpretarán a Sampedro e aos seus coetáneos na vida cultural pontevedresa.
Ademais, a asociación Sete Espadelas colabora co espectáculo vestindo a todos os participantes neste espectáculo, que portarán fieis recreacións dos traxes antigos que se conservan en diferentes museos de Galicia.
As catorce pezas musicais que interpretará Os de Algures pertencen á recompilación que realizou Casto Sampedro da música tradicional galega. Será a través de catro escenas ambientadas na Praza da Leña, a Praza da Verdura, a procesión do Corpus e nunha romaría tradicional.
A escenografía tamén xogará un papel fundamental neste espectáculo. Será "sorprendente", segundo José Luis Rodríguez, xa que xogará con luces e sombras creando unha atmosfera de luz lunar. O escenario, ademais, estará cuberto con 8.000 camelias realizadas en papel de seda e cuxos pétalos foron pegados a man para a ocasión.
A entrada ao Principal será gratuíta ata completar aforamento.
Relacionadas:
-
Chega ao Principal 'O soño da tecedeira', a historia de 25.000 pesetas agochadas nun tear
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Casto Sampedro 'revive' por un día en Pontevedra
Por Redacción & Diego Torrado |
-
Ollar e desfrutar ollando traxes tradicionais
Por Redacción |
-
Os pontevedreses José Luis Rodríguez e David Quiñones, galardoados nos Premios Antonio Fraguas
Por Redacción |
-
As cores dos traxes de Castelao brillan nun desfile-musical de Os de Algures
Por Diego Torrado |