A compañía de teatro de Blanca Marsillach visita Pontevedra cunha obra infantil
Por Redacción
Varela Producciones, a compañía de teatro de Blanca Marsillach, presentará en Pontevedra o musical infantil O invisible Nikolaus. A obra poderá verse os días 19 e 20 en Pontevedra: no CEIP A Xunqueira 2 e no CEIP Manuel Vidal Portela.
O invisible Nikolaus é unha historia centrada no coidado do medioambiente, que pretende concienciar a grandes e pequenos sobre os riscos que corre a nosa contorna se non o coidamos debidamente. O vestiario dos personaxes foi confeccionado en Broadway e a produción conta con sete cancións orixinais e un karaoke cos que os personaxes da historia, Cortés, o Toro de Sevilla; Iggy, a pingüina; Penélope, o esquío e a Nai Terra educarán ao público en valores ecolóxicos.
Para Blanca Marsillach, produtora e impulsora destas iniciativas escénicas, "é moi importante que se aposte por este tipo de teatro xa que conseguimos que os nenos aprendan dunha maneira lúdica, interiorizando as mensaxes dunha forma divertida".
Esta obra enmárcase dentro do programa de teatro social educativo que a compañía de teatro de Blanca Marsillach leva desenvolvendo desde fai máis de oito anos. Valores como o poder terapéutico do teatro e utilizar o escenario como táboa de salvación son os que permitiron á compañía manterse solidamente no panorama cultural, facéndose un oco así mesmo no social, con producións con mensaxe para o público infantil ou talleres destinados a mulleres en risco de exclusión social e persoas con discapacidade.