"Bágoas negras", unha historia familiar co Prestige como pano de fondo
Por Alejandro Espiño
A traxedia do Prestige, de novo de actualidade tras cumprirse quince anos do afundimento do petroleiro ante as costas galegas, serve como pano de fondo para Bágoas negras, unha curtametraxe que se estreará este domingo 26 de novembro.
A estrea será no Teatro Principal de Pontevedra, ás oito da tarde.
Bágoas negras, dirixida por Uxía Santiago, narra a historia dunha familia mariñeira, composta por avó, pai e filla, que ve como o desastre ambiental do Prestige e a chegada ás praias do chapapote afecta completamente ás súas vidas.
A curta foi rodada cun equipo técnico de só catro persoas. Xunto á directora, participaron Andrés Taboada como produtor, Olga Fernández como directora de fotografía e Xurxo Senra como técnico de son.
Nani Matos, Tino Gómez e Paula Requejo son o trío de protagonistas desta ficción, que conta tamén coa colaboración dos actores José Luis Villaverde e Rocío Romero.
A entrada é libre ata completar aforamento.