Pontevedra arroupa a Iván Ferreiro na presentación da súa biografía
Por Redacción & Mónica Patxot
A librería Cronopios quedou pequena este xoves para dar cabida a todo o público que se achegou ata as súas instalacións para a presentación do libro 30 canciones para el tiempo y la distancia, a biografía do artista galego Iván Ferreiro.
Foron moitos os pontevedreses que arrouparon ao músico de Nigrán e á autora do libro, a xornalista Arancha Moreno, para coñecer os detalles dun libro que nos ofrece un repaso polos seus máis de 25 anos de carreira artística, primeiro como líder de Los Piratas e posteriormente en solitario, como unha das referencias da música indie en España.
Nesta atípica biografía, a autora entrevistou non só ao seu protagonista senón a outra trintena de artistas que traballaron ou colaboraron con el como o seu irmán Amaro ou grandes nomes da música como Enrique Bunbury, Dani Martín, Leiva, Coque Malla, Xoel López, Quique González, Amaral, Mikel Erentxun ou Love of Lesbian.
Iván Ferreiro, liderando a Los Piratas, publicou cinco discos de estudo e dous directos nos que plasmou unha constante evolución desde o rock máis clásico ata o pop máis sofisticado, asinando himnos como Años 80, Promesas que no valen nada ou El equilibrio es imposible.
En 2005 debutou en solitario, sumando na actualidade media ducia de discos -o máis recente Casa (2016)-, numerosas colaboracións con artistas españois e centenares de concertos.
Na presentación, tanto Iván Ferreiro como Arancha Moreno tamén atenderon o público e responderon as súas preguntas antes de asinar os exemplares do libro.