Unha versión actualizada de El príncipe y la corista, en Afundación
Por Redacción
A Sede Afundación de Pontevedra acollerá este venres a produción teatral El príncipe y la corista. Cun elenco formado por Lluvia Rojo, Javier Gil, Javivi, Marta Fernández-Muro, David Carrillo e Bruno Lastra, esta actualización do texto de Rattigan poderase ver a partir das 21.00 horas.
O texto de Rattigan, herdeiro do sentido do humor e do ritmo de Wilde e Shaw, traza un delicado retrato do exercicio do mando en soidade, dun pai despótico que escatima o amor ao seu fillo e dunha substitución xeracional ao que o poder se resiste, que ten non poucas conexións coa actualidade.
Pero o autor tamén realiza un sofisticado tratamento da figura da corista, unha muller que contra todo prognóstico revélase independente e hábil, que resiste á degradación que supoñen as intencións pouco confesables do rexente e que, máis tarde, será capaz de espertar nel unha humanidade que, finalmente, e no máis puro estilo do autor, traducirase nunha triste separación.