Preto de 8.500 persoas visitaron a mostra sobre María Vinyals e os Novos Valores
Por Redacción
Dúas das exposicións que ocuparon nas últimas semanas as salas temporais do Sexto Edificio do Museo finalizaron o seu período cun éxito rotundo. Así, preto de 8.500 persoas visitaron as mostras dedicadas á figura de María Vinyals e aos proxectos gañadores do certame Novos Valores, que veñen de pechar as súas portas.
A mostra De María Vinyals a María Lluria acadou un total de 4.390 visitantes. Esta cifra corresponde a cinco semanas e media de exposición, o que supón un marco temporal máis reducido do habitual nas exposicións temporais do Museo de Pontevedra. Pola súa banda, a exposición do certame Novos Valores foi vista por 4.037 persoas.
De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social, comisariada por Aurora Marco e Ángela Comesaña, permitía percorrer a vida e a traxectoria desta pontevedresa nacida en Soutomaior considerada como unha das precursoras galegas do feminismo.
Así, a mostra incluía fotografías, cadros, manuscritos, libros e correspondencia que daban conta tanto da vida da propia María Vinyals como do tempo que lle tocou vivir, finais do século XIX e principios do XX.
A exposición protagonizada polos gañadores do certame Novos Valores 2016 xuntaba a obra de María Maqueira, formada por debuxo e colaxe; de Olmo Cuña, unha instalación titulada 'Volantes' de Diego Vites, que incluía pintura e audiovisual no seu proxecto 'Historiografía Tigua' e as esculturas en escaiola de Basilisa Fiestras.
O claustro do Edificio Sarmiento acolle neste momento a exposición temporal Os mundos de Carlos Casares, centrada no universo literario e persoal do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2017.
Esta mostra, que foi inaugurada o pasado 8 de novembro, permanecerá no Museo de Pontevedra ata o 26 de novembro, para despois continuar a súa itinerancia por Lugo e Xinzo de Limia, lugar este último onde quedará exposta de forma permanente.
O broche final na programación deste exercicio no Museo de Pontevedra corresponderá á obra do artista pontevedrés de marcada proxección internacional, Jorge Castillo, cunha mostra retrospectiva que se poderá visitar entre o 30 de novembro e o 28 de xaneiro de 2018.
Relacionadas:
-
A Deputación convoca o certame de artes plásticas "Novos Valores" 2018
Por Redacción |
-
O Museo de Pontevedra acada unha cifra histórica: 150.000 visitantes neste 2017
Por Redacción |
-
'Os mundos de Carlos Casares' espállanse polo Museo de Pontevedra
Por Anxo Lourido & Mónica Patxot |
-
Os bolseiros do certame Novos Valores expoñen no Sexto
Por Mónica Patxot |
-
O Museo acolle unha exposición dedicada á precursora do feminismo María Vinyals
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |