A sétima edición de Augal invita a ver cine galego descoñecido en pantalla grande
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O cinema galego máis dinámico poderá verse, un ano máis, en pantalla grande nun dos berces de creadores audiovisuais galegos, a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra. A sétima edición da Master Class Audiovisual Galego 'Augal' chega cun amplo programa que se desenvolverá entre este mes de novembro e abril de 2018.
Na mañá deste xoves, presentaban as actividades o director da Axencia Galega dás Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o vicerreitor do campus Juan Manuel Corbacho e un dos coordinadores desta cita cultural formativa, Paulino Pérez, que destacou o traballo que sempre desenvolveu o profesor e crítico de cinema Miguel Anxo Fernández, impulsando o Augal, que durante a súa traxectoria foi seguido por máis de 5.000 persoas e outorgáronse 800 diplomas aos asistentes que completan todas as sesións, sempre abertas ao público xeral.
Augal comezará este ano o mércores 15 de novembro con Curtas na Rede e a proxección de Matria, Share o no share con Luis Tosar e Aadat. A segunda sesión será o mércores 22 e poderase ver A batalla descoñecida, de Paula Cons. En decembro, emitirase a miniserie Salgadura o mércores 13 mentres que o mércores 20 presentarase unha das películas estrela da master class, Dhogs, de Andrés Goteira, que gañou o premio ao mellor director novel no Festival de Sitges por esta produción que, segundo Paulino Pérez, "non parece galega, parece indie-americano".
En febreiro, o día 7, as persoas que acudan á facultade de Ciencias Sociais poderán ver O Apóstolo. Xa en marzo desenvolvíanse o mércores 14 as curtametraxes Luscofusco, 'Bostezó e o can case se traga o meu drama' e 'Astral'. A sétima sesión chegará o mércores 21 de marzo cun coloquio con Xerardo Rodríguez, director da serie da TVG, 'Fontealba', que xa suma 200 episodios.
Por último, o 11 de abril, o editor de son da película Mimosas de Oliver Laxe ofrecerá unha charla cos asistentes mentres que a sesión de clausura será o mércores 18 coa conferencia do director de 'Los sin tierra', Miguel Barros, que analizará se os guións cinematográficos pódense considerar literatura.
Todas as sesións son gratuítas e comezarán ás 16.00 horas.