Aprendendo valores con 'Os tres porquiños'
Por Diego Torrado
O musical infantil Os tres porquiños encheu este sábado o auditorio da sede de Afundación de Pontevedra en dúas sesións nas que as entradas se esgotaron e non quedou nin un oco libre na sala.
O espectáculo, que fixo as delicias de pequenos e maiores, ofreceu unha versión moderna da a fábula orixinal, adaptada aos tempos actuais e que serviu para transmitir os valores de respecto e protección da natureza, a solidariedade ou o esforzo, entre outros.
A proposta da compañía Educateatro utilizou a técnica dramática dos corpóreos, personaxes a tamaño real que recrean á perfección a imaxe humanizada dos tres cerditos e o lobo feroz.
Ademais, para facilitar a interacción co público, o condutor da obra foi un explorador moi afeccionado aos contos, que foi debullando os misterios desta nova historia do século XXI.
A banda sonora orixinal, composta por cinco pezas musicais, fixo partícipes aos nenos das coreografías que se foron sumando ao fío argumental da obra, ao mesmo tempo que se converteron en ferramenta para que aprendesen ou reforzasen os números, as cores, as pezas de roupa e os animais, entre outros coñecementos marcados no currículo escolar.