Comezan as inscricións para A hora do conto, A procura do Tesouro e RockLab
Por Redacción
Como vén sendo habitual por estas datas, o Concello de Pontevedra a través do Pazo da Cultura lanza a oferta de actividades MiniPazo Club, destinadas a nenos con idades comprendidas entre os 4 e os 16 anos.
A oferta estará composta no curso 2017-2018 por "A hora do conto" de Pavís Pavós, "A procura do Tesouro", impartida por Migallas Teatro, e "RockLab". Son máis de 300 prazas das que se destinarán un máximo do 10% aos menores pertencentes a familias con poucos recursos económicos e que serán xestionadas polos servizos sociais municipais.
Os prezos serán de 50 euros nunha única cota ao inicio do curso para os Talleres de Animación á lectura (Hora do Conto) e os de Expresión Dramática, Plástica e Musical (Procura do tesouro) e de 100 euros en dúas cotas para os de rock. (PREZOS E HORARIOS)
O proceso de matriculación será o mesmo que en anteriores edicións, de xeito presencial nas instalacións do Pazo da Cultura a partir deste martes 24 dende as 8 horas. Os prazos permanecerán abertos ata esgotarse as prazas. Unha vez esgotadas, abriranse listas de agarda para as diferentes actividades. O horario das oficinas do Pazo da Cultura a este efecto é de 8 a 14 horas.
O persoal facilitará as follas de inscrición xa numeradas que deberán ser cubertas e entregadas no acto nas oficinas, de non ser así, perderán automáticamente a orde asignada. Cada persoa poderá matricular un máximo de 3 nenos por actividade que deberán ter cumpridos os anos mínimos de admisión entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do presente ano.