O Arquivo Provincial acollerá actos de celebración dos Día da Biblioteca e do Patrimonio Audiovisual
Por Redacción
O martes 24, a biblioteca do Arquivo Provincial da Deputación recibirá a visita do grupo de voluntarios da biblioteca do IES Poio e ás 21.00 horas será o escenario da presentación do libro 'Aves do río Gafos' dentro da conmemoración que a Deputación Provincial realizará dentro do Día da Biblioteca.
O xoves 26 ás 20.00 horas presentarase, con motivo da celebración do Día do Patrimonio Audiovisual, o cd 'Galicia en 78 RPM', que recolle as gravacións históricas da música galega cun repaso por algúns coros, grupos de gaitas, corais, bandas de música, orquestras, cantantes líricos e conxuntos de música popular máis destacados.
O venres 27, tamén ás 20.00 horas, estrearase o documental 'O purgatorio de Francisco Leiro', que segue a actividade creativa do escultor cambadés tanto na súa vila natal como en Madrid ou Nova York. Todas estas actividades desenvolveranse no Arquivo Provincial e a entrada será libre ata completar o aforamento.
Este venres presentábanse estes actos coa intervención do deputado de Cultura, Xosé Leal; o presidente da Asociación Vaipolorío, Gonzalo Sancho; o músico Óscar Ibáñez; o director do documental, Aser Álvarez e a xefa do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico, Ana Vicente.