A axencia de lectura de Meiro celebra o seu primeiro ano de rexurdir cultural
Por Redacción
Un ano de actividades culturais e literarias. É o que vén de cumprir a axencia de lectura de Meiro, tras a recuperación deste espazo por parte de Daniel Durán, un rapaz voluntario veciño desta aldea de Bueu.
Dado a importancia desta efeméride, presentáronse os eventos programados para este mes coa participación de Manolo Otero, concelleiro de deportes, Teresa López, edil de educación e sanidade, e Xosé Antonio 'Seso' Portela, vicepresidente da Asociación Veciñal A Morada.
A primeira das actividades é un magosto con xogos tradicionais, que se celebrará este sábado a partir das 16.30 horas no recinto de A Morada, e ao que están convidadas todas as persoas que queiran degustar a froita típica do San Martiño en compañía de xogos do pasado.
Ao seguinte venres, 27 de outubro, é a quenda do recital poético, que se celebrará ás 20.30 horas e no que xa está confirmada a asistencia dos poetas locais Dani Costas, Luís Chapela e Míriam Ferradáns, habituais desta actividade que xa se celebrou en varias ocasións na axencia, coincidindo co rexurdir deste espazo e nas Letras Galegas.
Neste acto contarase tamén coa música dalgúns membros do grupo de gaitas Retrouso de Cela e cunha representación teatral, ademais dalgunha sorpresa máis.
Durante este primeiro ano de rexurdir da axencia, o balance foi moi positivo, cun gran número de actividades para todos os públicos, dende os máis pequenos aos maiores.
Celebráronse recitais poéticos, xornada de xogos tradicionais e chocolatada, charlas sobre historia e xornalismo, empoderamento sexual, e creación de grupos de traballo, rutas por espazos naturais como Cabo Udra, Monte Liboreiro e Ermelo, obradoiros para a rapazada, Noites na biblio e lecturas dramatizadas, entre outras.
Así mesmo, tamén está a funcionar o club de lectura mensual que se reúne para comentar diferentes obras e conversar cos propios autores.