O musical "Os tres porquiños", en sesión dobre o 28 de outubro en Pontevedra
Por Redacción
O auditorio de Afundación en Pontevedra acollerá o vindeiro sábado 28 de outubro a representación do musical Os tres porquiños. Será en sesión dobre, ás cinco e ás sete da tarde.
Con este espectáculo, a compañía Educateatro moderniza a fábula orixinal para adaptala aos tempos actuais, transmitindo aos máis pequenos os valores de respecto e protección da natureza, a solidariedade ou o esforzo, entre outros.
A técnica dramática empregada para a obra é a dos corpóreos, personaxes a tamaño real que recrean á perfección a imaxe humanizada dos tres cerditos e o lobo feroz.
Ademais, para facilitar a interacción co público, o condutor da obra será un explorador moi afeccionado aos contos, que irá debullando os misterios desta nova historia do século XXI.
A banda sonora orixinal, composta por cinco pezas musicais, servirá para facer partícipes ao público das coreografías que seguen o fío argumental da obra, ao mesmo tempo que valerán como ferramenta para que aprendan ou reforcen os números, as cores, as pezas de roupa e os animais, entre outros coñecementos marcados no currículo escolar.
As entradas están dispoñibles na web Ataquilla.com.