Ateneo e Vicerreitoría impulsan un club de lectura
Por Redacción
Unha reunión mensual para debater e analizar unha obra literaria, aberta tanto aos socios do Ateneo e aos integrantes da comunidade universitaria como á cidadanía en xeral. Esta é a nova proposta cultural que veñen de articular o Ateneo de Pontevedra, a Vicerreitoría do campus e a asociación de alumnado sénior do campus de Pontevedra, Asaexs.
Baixo a coordinación das directivas do Ateneo, Carmela Lazcano e Carmén Durán, este club de lectura desenvolverá as súas reunións o primeiro martes de cada mes ás 20.00 horas na Casa das Campás e porase en marcha o vindeiro 7 de novembro cunha primeira xuntanza, dirixida a debater sobre o libro Examen final, do escritor ourensán José María Pérez Álvarez.
Segundo informa ao Ateneo, as persoas que desexen preinscribirse neste club de lectura, poden facelo tanto na propia sede de Vicerreitoría e no teléfono 986802080, como contactando con este colectivo no correo cfuentesmoledo@yahoo.es.
CITA COA ARTE CONTEMPORÁNEA
Na programación da Área de Extensión Cultural enmárcase tamén a quinta edición do Foro de Arte Contemporánea Conversas con Arte, que este xoves se celebrará na sede da Vicerreitoría. Dirixido polo responsable da produtora de arte contemporánea Latamuda, Francisco Porto, este encontro busca ofrecer unha panorámica sobre o sistema actual da arte en Galicia a través dos axentes que o constitúen e articúlase en dúas mesas, que levan por título Xeración Noroeste e Derivas da arte actual.
A primeira delas, programada para as 16.30 horas, contará coa participación de Montse Cea, Daniel López e Kike Lista, mentres que na segunda, programada para as 18.15 horas, intervirán Lola Dopico, Miguel Anxo e Kiko da Silva.