Cuntis recupera a figura de "O canteiro de Sebil" coa estrea dun documental
Por Alejandro Espiño
Un documental recupera a figura de mártir cuntiense Xoán Xesús González. Trátase de O canteiro de Sebil, producido por Quinteiro do Umia e que se estreará este xoves 12 de outubro, ás oito da tarde, no Centro Sociocultural Xosé Raído Patelas.
Xoán Xesús González foi asasinado o 12 de setembro de 1936, logo de ser apreixado días antes polos golpistas de Franco. O político, avogado e canteiro de Cuntis foi un dos persoeiros máis insignes do seu tempo, salientable en múltiples ámbitos e sempre leal ao seu compromiso coa democracia e as liberdades. Un compromiso que lle custou a vida a mans dos fascistas.
Estudou maxisterio e dereito, colaborou en varios xornais e foi un home moi comprometido. Fundou o xornal 'El País Gallego' (1927), tivo o seu propio bufete de avogados e impulsou a libraría e editorial 'Niké'. Foi, ademais, autor de varios libros, e no eido político, formou parte de moitos colectivos socialistas, nacionalistas e republicanos.
O canteiro de Sebil é a ollada colectiva que procura a posta en valor do traballo feito ata agora por diversos particulares e entidades, así como a aportación de datos novos e descoñecidos ata o momento, produto do traballo de documentación para este audiovisual.
A interpretación conta con ducias de persoas que participaron desinteresadamente en horas de gravación polos concellos de Cuntis, Caldas, Moraña e Santiago Compostela, así como coa presenza de actores e actrices con experiencia semiprofesional na escena galega.
Súmanse caras coñecidas da política, a sociedade e a música do país que aparecen no propio documental.
Tras a súa estrea en Cuntis, o documental percorrerá outras cidades e vilas de todo o país para as que xa se están a pechar datas.