As Marías compostelás conquistan o Teatro Principal de Pontevedra
Por Diego Torrado
O público pontevedrés que este xoves achegouse para encher o Teatro Principal de Pontevedra sumouse aos máis de 5.000 espectadores que xa viron en Galicia o espectáculo 'Voaxa e Carmín', baseado na vida de dúas mulleres características na historia de Santiago de Compostela, as Marías.
As actrices Mabel Rivera e Belén Constenla, que foron nomeadas aos Premios María Casares por este traballo, ofreceron unha interpretación poética das irmás Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, dúas mulleres que sufriron violencia institucional, social e de xénero durante a guerra civil e na ditadura franquista, debido á súa pertenza a unha familia anarquista.
A compañía ButacaZero nunha coprodución con Eme2 recrea o texto de Esther F. Carrodeguas a través dunha escenografía desenvolvida cunha videocreación de rúas e espazos da capital galega, por onde as dúas protagonistas van desenvolvendo a súa historia ata terminar fronte ao mar.
O espectáculo, con música de Milladoiro, está dirixido por Xavier Castiñeira e obtivo os premios María Casares á mellor maquillaxe e á mellor caracterización. O público despediu ás actrices cun forte aplauso encomiando a recreación destes personaxes, que se moven entre o drama e a comedia.
'Voaxa e Carmín' abría este xoves o ciclo Ponteatro, que continuará o xoves 26 de outubro con 'A cabeza do dragón' de Producións Teatrais Excéntricas. As entradas e o bono para estes espectáculos pódense adquirir a través de Ataquilla.
Relacionadas:
-
Ponteatro descobre a historia de 'A noiva de Don Quixote'
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Elisa e Marcela, a historia das primeiras mulleres que casaron en España, no ciclo Ponteatro
Por Alejandro Espiño |
-
Valle-Inclán tamén ten o seu sitio en Ponteatro
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Oito obras compoñen unha nova edición de Ponteatro
Por Diego Espiño |