A Banda de Música de Salcedo prepárase para a celebración do 30 aniversario
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido & Diego Torrado
En 1988, un grupo de 25 mozos montaba unha Escola de Música en Salcedo, que terminou sendo a orixe da Banda de Música desta parroquia pontevedresa. En 2018 cumprirán 30 anos de existencia e daqueles inicios pasou a converterse nunha das formacións musicais destas características máis significativa dentro do Estado.
O presidente da Banda de Música de Salcedo, Víctor Cortizo, asinaba este mércores co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores o convenio anual de colaboración, polo que esta agrupación recibe máis de 32.000 euros pola realización de diferentes actividades ao longo do ano.
Cortizo explicou que na actualidade a Banda de Música conta con 85 integrantes, a Banda Xuvenil está formada por 50 membros e a Coral por 30 voces. A Escola de Música a partir da que se iniciou toda a actividade segue en pleno crecemento con 200 estudantes matriculados este curso que aprender música empregando diferentes instrumentos baixo a tutela de 16 profesores. E neste centro de formación hai músicos precoces, con tan só catro anos de idade. Por estas aulas pasaron 1.400 estudantes desde a súa apertura.
Con motivo do 30 aniversario, a Banda de Música de Salcedo está a preparar unha programación especial para o ano 2018 con concertos especiais que contarían coa presenza de antigos directores da formación e unha actuación especial con algún artista de renome para a Semana Grande das Festas da Peregrina do próximo ano.
Ou alcalde Miguel Anxo Fernández Lores mostrouse orgulloso pola actividade que desenvolve este colectivo ata o punto de afirmar que é "como unha segunda banda municipal de música" e comprometeuse a incrementar a axuda económica durante 2018. Cortizo engadiu que sen este convenio resultaría imposible realizar todas as propostas que a Banda de Música de Salcedo leva a cabo ao longo de todo o ano.