As Marías, as veciñas máis famosas de Compostela, volverán á vida en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Un grande éxito de público e crítica avala Voaxa e Carmín, proposta que xa viron máis de 5.000 espectadores por toda Galicia e que chega este xoves 5 de outubro ao Teatro Principal de Pontevedra.
Mabel Rivera volve a subirse ás táboas tras recibir o Premio da Cultura Galega na modalidade de Artes Escénicas. Tanto Mabel como Belén Constenla estiveron nominadas aos María Casares por este traballo interpretativo.
Voaxa e Carmín, de Esther F. Carrodeguas, mereceu o Premio Abrente para textos teatrais no 2015 e este ano recibiu dous Premios María Casares de Teatro: mellor maquillaxe e mellor caracterización, nunha proposta na que o público alaba precisamente que é como volver a ver ás coñecidas "Dúas en punto".
A obra, que da vida de maneira poética e fantasiosa a Maruxa e Coralia Fandiño Ricart, pretende dignificar a figura de dúas mulleres que durante a guerra civil, e na posterior dictadura, sufriron violencia institucional, social e de xénero.
As dúas irmás son ben coñecidas pola xente que compartiu vida con elas e tamén por todas as persoas que se achegan agora a Compostela e ven a estatua de César Lombera que se atopa na Alameda e coa que galegos e forasteiros se fotografan día tras día, converténdose xa nun dos lugares máis populares da cidade. Porén, é probable que moitas destas persoas non saiba apenas nada da historia do seu pasado.