Depedro enche a Sala Karma por segunda vez e namora o público pontevedrés
Por Alejandro Espiño
Poucos artistas poden presumir de encher dúas veces, en apenas oito meses, un escenario en Pontevedra. Logrouno Depedro, o alter ego do músico madrileño Jairo Zavala, que foi o protagonista do concerto que o público pontevedrés puido gozar este venres na Sala Karma.
Cunha actuación máis íntima do que nos ten afeitos, Depedro seduciu a un público entregado desde que, pouco despois de saír ao escenario, soasen os primeiros acordes de Un hombre bueno, un dos seus temas máis coñecidos.
Ao longo do concerto, o artista madrileño repasou os grandes éxitos da súa carreira musical, cun protagonismo especial para El pasajero, o seu último disco, e Acuérdate, un EP editado recentemente no que colaboran, entre outros, Fuel Fandango ou Amparanoia.
Así, o público coreou sen descanso cancións como Déjalo ir, DF, Nubes de papel, Diciembre, Chilla que tiemble ou Panamericana, entre outros.
Con Depedro, Pontevedra volveu gozar dun artista que viaxa entre o pop, a psicodelia, a música latina, a música africana ou a americana de raíz, unha fusión que a voz de Jairo Zavala fía cunha mestría asombrosa, recollendo influencias que van desde México ata as raíces do África occidental.