Susana Fortes presenta en Pontevedra "Septiembre puede esperar", a súa nova novela
A escritora Susana Fortes volveu a casa, á súa Pontevedra natal. Fíxoo para presentar a súa nova novela, Septiembre puede esperar. Foi este xoves na librería Cronopios, acompañada do tamén xornalista Ramón Rozas.
Septiembre puede esperar, editado por Planeta, é unha apaixonante trama de misterio e intriga psicolóxica que abarca desde o mundo da espionaxe ata os recunchos máis persoais dos seus protagonistas.
A historia traslada ao lector a 1955. A escritora Emily J. Parker desaparece en Londres mentres a cidade celebra o décimo aniversario do final da II Guerra Mundial. Nunca máis volve saberse nada dela.
Anos máis tarde, Rebeca, unha estudante española de filoloxía, decide trasladarse a Londres para preparar a súa tese doutoral sobre a misteriosa escritora.
Durante a investigación, a infancia e a vida familiar de Rebeca vanse trenzando co pasado de Emily no Londres do Blitz e da posguerra nun armazón de espionaxe e relacións sentimentais que forman un estraño quebracabezas tan suxestivo como difícil de interpretar.
Numerosos pontevedreses arrouparon a Susana Fortes na posta de longo desta novela, entre eles amigos e familiares como o seu irmán, o xornalista Xabier Fortes.