A coral Valdarrosa ofrece o último concerto de celebración do 25 aniversario
Por Redacción
A coral Valdarrosa pecha a celebración do seu 25 aniversario de existencia cun concerto que ofrecerá este venres 29 a partir das 21.00 horas na Casa do Pobo da Insua, dentro dun ciclo de recitais que conta co patrocinio do Concello de Ponte Caldelas.
Segundo apuntan desde o equipo de goberno do Concello, esta coral xoga un papel moi activo na dinamización social do municipio con actuacións nas datas máis sinaladas do calendario local. A agrupación conta con 32 integrantes que atopan con esta actividade unha forma de lecer, ademais de enriquecemento cultural e persoal.
O próximo 14 de outubro, a Coral Valdarrosa viaxará a Lisboa para participar nun festival de corais, co que devolverán a visita que realizou a coral Lnec da capital portuguesa con motivo do 50 aniversario da Festa da Troita.
O Concello tamén colabora no financiamento desta viaxe ao que asistirá o alcalde Andrés Díaz.