O Circuíto Galego de Teatro Amador 'Teatro no Baño' volve esta semana a Cuntis
Por Redacción
Cuntis volverá acoller este outono actuacións do Circuíto Galego de Teatro Amador 'Teatro no Baño', que organiza Chumpá Teatro coa colaboración da Federación Galega de Teatro Afeccionado (Fegatea).
O ciclo, que chega á súa novena edición, incluirá catro sesións de teatro a partir deste sábado 30 de setembro. As outras sesións serán o domingo 1 de outubro e a fin de semana dos días 7 e 8 de outubro, todas elas no centro sociocultural e xuvenil 'Patelas' de Cuntis. O prezo da entrada será 3 euros.
Para esta primeira fin de semana, os organizadores elixiron dous espectáculos dirixidos a público familiar, Misterios (de O Aturuxo de Melpómene) o sábado, e Brincacontos (de Andaravía Teatro) o domingo. Ambos os dous serán ás 18.30 horas.
A programación da segunda fin de semana cambiará de horario e de público potencial. O sábado ás 21.00 horas o grupo Tiruleque representará a comedia O5 CO2NO5 5ON COU54 D€ 3. O domingo o grupo organizador, Chumpá Teatro, representará por última vez A nosa vila, obra que recuperaron no ano 2015 con motivo do seu décimo aniversario e coa que levan máis dun ano percorrendo diferentes teatros galegos.