Roque acende a Núbebe
Por Mónica Patxot
Un patio de butacas ateigado recibiu cun gran aplauso a Roque que este venres deu a benvida ao Festival das Núbebes cun divertido espectáculo no Teatro Principal.
Desde este venres e ata o 1 de outubro este festival pensado para os máis pequenos encherá a cidade de teatro, música, contos, danza e obradoiros.
Ademais do Teatro Principal nesta ocasión, a quinta, as actividades repártense pola Casa das Campás, a Casa Azul, a Praza do Teucro e a sede de Turismo Rías Baixas.
A sesión inaugural correu por conta de Marcelo Dobode e Davide González cun espectáculo de teatro con marionetas, contos e moita música. Andrea Bayer foi a mestra de cerimonias e os nenos foron os grandes protagonistas desta cita unicamente pensada para eles.