O cine galego e europeo volve a Bueu polo outono
Por Redacción
O Concello de Bueu, a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e o Cineclub de Bueu participan de novo este outono no proxecto Cinemas de Galicia, que ten por finalidade incrementar a difusión de filmes galegos e europeos e inaugurará tempada este venres 22 de setembro ás 21.00 horas no Centro Social do Mar.
Tras o parón do verán, a actividade fílmica regresa este venres da man de Lobos sucios, unha película ambientada nas minas galegas de wolframio que foron explotadas polos nazis durante a guerra, con inspiración en feitos, historias e personaxes reais. O director do filme, Simón Casal, fará unha breve presentación e un coloquio co público asistente.
A nova programación de Cinemas de Galicia presentouse este xoves coa presenza do alcalde, Félix Juncal; o director de AGADIC, Jacobo Sutil, e Alba Sotelo, en representación do Cineclub de Bueu, colectivo encargado da xestión do programa.
Alba Sotelo destacou que a experiencia de abril a xuño foi todo un éxito. Puidéronse ver varios filmes superando o récord de espectadores, cunha media de 80-90 persoas. Ademais, avanzou que o obxectivo é continuar coa fórmula de conectar co equipo da película ou presentando outros festivais de cinema.
A actividade continúa ao venres seguinte, 29 de setembro, á mesma hora co documental ensaístico Angélica (unha traxedia), na que se fai un retrato peculiar e intenso de Angélica Liddell, poeta, actriz e directora de teatro de vangarda. Coincidindo con esta proxección, o Cineclub xa confirmou a presenza de Fran Gallo e Analía Alonso, do Festival de Cine de Ourense.
O 6 de outubro será a quenda de Toni Erdmann, comedia alemá na que se reflexiona sobre a felicidade a través do cambio de actitude dunha muller alemá moi estresada que un día descobre a un divertido personaxe imaxinario, que reactivará o seu sorriso.
Esquece Monelos poderá verse o 20 de outubro, que nos fala dun río que vai por debaixo das rúas da Coruña e do que moitos esqueceron. O documental de Ángeles Huerta é máis ca unha película sobre ese río, convertido hoxe en cloaca. Dende o Cineclub decidiron apostar por esta proposta dado que a esencia dos propios cineclubs é coñecer a produción do país.
O 3 de novembro é quenda de Baixo a area, un filme bélico que nos leva á rendición de Alemaña en 1945. E as dúas últimas proxeccións son destacables por ser coproducións con Latinoamérica, onde se está creando cine de gran calidade.
O 17 de novembro, os asistentes poderán gozar da mexicana Pozoamargo, nome tomado dun pobo castelán no que se reflicte o abismo vital no que se adentra Jesús, un home que está a piques de ser pai e que sofre una enfermidade venérea. O 1 de decembro proxectarase Migas de pan, drama inspirado no relato de Liliana Pereira, unha ex presa política da última ditadura de Uruguay.