Mulleres anónimas que pasan dos álbums familiares á biblioteca do campus
Por Redacción
Que cres que está facendo a muller da imaxe? Por que cres que adopta esa postura? Se tiveses que imaxinar quen a está fotografando, dirías que é un home ou unha muller? Estas son tres das preguntas que, a través dun cuestionario, a profesora de Belas Artes Silvia García formula a aqueles que visiten, na biblioteca desta facultade, a exposición "Relecturas da feminidade. Rastro Material".
A mostra é unha selección de preto de 50 fotografías domésticas, realizadas entre as décadas de 1920 e 1950 na súa meirande parte, conforman unha exposición que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade e que se exhibirá nas bibliotecas dos tres campus.
A exposición amosa mulleres de diferentes partes do mundo posando diante da cámara, integrada por "fotografías anónimas, mercadas en rastros" coa que García busca articular unha reflexión respecto de como se interpretan as fotografías "fóra do contexto cultural" no que foron feitas.