O Museo de Pontevedra programa unha exposición comisariada por nenos de Primaria
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
Un grupo de 15 rapaces de primaria, de entre 8 e 12 anos, poderán participar nun programa para escoller e comisariar unha exposición propia que será incluída no calendario do Museo de Pontevedra do próximo ano.
A iniciativa "Os do Sexto. Un proxecto museográfico feito por nenos" foi presentada este martes en rolda de prensa polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, polo director do Museo, Carlos Valle, e a xestora cultural, África Martínez.
A Deputación de Pontevedra pon en marcha esta iniciativa en colaboración co equipo de xestoras culturais de "Taller Aberto", co propósito de aplicar a filosofía do pedagogo italiano Francesco Tonucci, "para darlle o protagonismo aos nenos e fomentar a súa autonomía na valoración e na elección das obras", asegurou Xosé Leal.
A iniciativa permitirá que os nenos participantes coñezan a fondo as coleccións do Museo e seleccionen aquelas obras que decidan incluír na exposición final, xerando o seu propio discurso expositivo e organizando todo o relativo á montaxe dunha mostra. Segundo resumiu África Martínez os adultos "só actuaremos como guía".
Os quince nenos participantes terán unha sesión semanal, os xoves de 17 a 19 horas, entre o 5 de outubro e o 18 de xaneiro. O proceso culminará no mes de febreiro coa montaxe da exposición final, que será incluída no calendario do Museo.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 30 de setembro e os menores interesados deben enviar ao correo electrónico do gabinete didáctico do Museo unha fotografía na que apareza retratado cunha obra da colección permanente do Sexto Edificio e un breve texto no que explique por que elixe a obra.