Prepárate para cantar pola lingua en Portonovo con Ruxe Ruxe e Pelepau
Por Redacción
Ruxe Ruxe e Pelepau son as dúas bandas que participarán na segunda edición do concerto "pola Lingua", que se organiza en Sanxenxo coa idea de dinamizar a lingua galega, a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra en colaboración co Concello.
O concerto desenvolverase o sábado 16 de setembro na chaira da piscina municipal de Portonovo.
Ruxe Ruxe é unha das bandas máis destacadas do punk-rock galego cunha traxectoria que conta con once discos no mercado. Os seus temas formaron parte de bandas sonoras, anuncios e programas deportivos. Ao longo de todos os anos de carreira actuaron en diferentes puntos de España, Italia e Portugal.
Pelepau é unha formación viguesa, creada en 2010 por doce percusionistas, profesores de agrupacións musicais e de danza tradicional galega. Neste concerto tocarán, sobre todo, temas de 'Fío e agulla', o seu último disco, que contén adaptacións de cantigas populares de diversas procedencias.