Nova historia de Nicolás, un libro pensado para persoas con autismo
Por Oskar Viéitez
A editorial Kalandraka e Bata (Baión Asociación de Tratamento do Autismo) crearon unha colección de libros de fácil lectura, dirixida a persoas con necesidades educativas especiais.
Bata é unha asociación sen ánimo de lucro que desenvolve servizos e programas orientados a persoas con Trastornos do Espectro Autista e ás súas familias, e neste labor sumaron como aliada á editorial pontevedresa Kalandraka para superar barreiras de incomunicación.
Así naceu a colección "Día a día", unha liña complementaria da colección "Makakiños", creada para achegar a lectura a persoas con necesidades de apoio educativo. O seu último froito é o libro "Nicolás vai á biblioteca" que segue a senda de títulos precedentes, como "Nicolás vai de compras" e "Nicolás cociña sen lume".
Creado a partir dunha idea de Antonio Zorrilla Salgado, bibliotecario de Vélez-Málaga, este novo libro mostra que funcións cumpren as bibliotecas, non só como espazos para ler ou levar libros e películas en préstamo, senón tamén para consultar a prensa, buscar información na internet, participar en sesións de animación á lectura ou visitar as exposicións que se instalan nas súas salas.
Tamén detalla que tipos de libros hai a disposición do público e como funciona este servizo: a función do carné bibliotecario, o rexistro do material prestado e o deber de devolvelo nun tempo determinado.
Os textos adaptáronse á linguaxe de pictogramas SPC, un sistema de comunicación baseado en debuxos e cores. As ilustracións de Alicia Suárez destacan polo seu carácter descritivo, o seu alegre colorido, e reforzan a dimensión lúdica da visita do protagonista a unha biblioteca inclusiva. Son imaxes perfectamente asociadas ao texto, claras, expresivas, e nas que se aprecian ata os máis pequenos detalles para axudar a que se entendan ben.
Relacionadas:
-
Kalandraka chega ao seu 20 aniversario entre as cen primeiras empresas do sector editorial estatal
Por Redacción |
-
O centro de saúde da Parda instala pictogramas para as persoas con autismo
Por Redacción |
-
Os centros sanitarios pontevedreses adaptan a súa sinalización ás persoas con autismo
Por Redacción |
-
O Concello de Poio, tinguido de azul para concienciar sobre o autismo
Por Redacción |
-
A Deputación comprométese a ser "inclusiva, tolerante e respectuosa" no Día Mundial do Autismo
Por Redacción |