Pontevedra, a primeira parada da mostra sobre a obra de Francisco Lloréns
Por Cristina Saiz
Pontevedra acolle dende este luns a exposición sobre a obra de Francisco Lloréns, que quere pór en valor a importancia do artista como paisaxista e a relación que garda a súa obra co territorio das Mariñas e os seus concellos, que son o eixo central das súas pinturas, así como o potencial da paisaxe da comarca das Mariñas como escenario da súa obra pictórica.
A exposición, inaugurada polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, está composta por cinco cubos nos que se reflicten os principais traballos de Lloréns, fundamentalmente os que recollen diferentes paisaxes e zonas das Mariñas. Estará na praza de Ourense, até o vindeiro 13 de outubro, para partir cara Vigo e, seguidamente, á Coruña.
Esta exposición está incluída dentro do acordo acadado entre o Consorcio As Mariñas e a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, para dar a coñecer a obra do paisaxista galego.
Ademais da exposición, o acordo entre ambas institucións recolle a elaboración de murais con pinturas de Lloréns en diferentes puntos ao aire libre, e catro rutas teatralizadas polos lugares da comarca que foi plasmando o artista galego nas súas obras.