Marín, un dos concellos elixidos para a proxección de '9 Ondas'
Por Redacción
O filme de produción galega 9 Ondas chega este sábado ás 22.00 horas ao Concello de Marín. Terá entrada libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos na Praza do Reloxo.
A cita enmárcase na segunda edición do programa de dinamización lingüística Redecinema que está a achegar ata setembro a 17 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.
Redecinema é un programa de dinamización lingüística que desenvolve os obxectivos do Plan xeral de normalización da lingua galega centrados na promoción da creatividade con base en galego e no aumento da oferta de produtos de cultura e de ocio no idioma propio de Galicia que chegará a concellos como Marín, Sanxenxo ou Soutomaior.
O calendario de proxeccións xa está dispoñible no Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia.
A iniciativa persegue promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; potenciar creadores e dinamizadores galegos e favorecer a incorporación da nosa lingua á programación das actividades para o verán realizadas polos concellos, ademais de apoiar e promover a industria cultural, nomeadamente a audiovisual galega e en galego.