O Demo invitará a bailar agarrados na Foliada tradicional de Curros Enríquez
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O inframundo xa está aquí. Será o mércores 23 de agosto cando os habitantes do averno con O Demo á cabeza sairán dos Arcos de San Bartolomé para percorrer nunha comitiva, a partir das 12.30 horas, as prazas e rúas do centro histórico. Como sempre, os menores, que tamén poden acudir á cita disfrazados con roupaxes infernais, tentarán tirar do rabo ao maléfico ser do tridente como manda a tradición. E uns e outros se farán bromas e travesuras.
O Demo volverá saír das profundidades do deserto a partir das 20.00 horas repetindo o paseo pola zona monumental. Pero o diaño nunca viaxa só e nesta ocasión, virá acompañado por música e festa.
Ás 21.00 horas, a praza de José Martí acollerá o tradicional Concerto de San Bartolomé, a cargo da Banda de Música de Salcedo. E ás 21.30 horas, as celebracións trasladaranse ata a praza de Curros Enríquez coa Foliada do Demo, a verbena popular que traslada ao público aos anos 50 coas actuacións de Os Chichisos e a charanga Amigos a Colores.
Durante este luns a concelleira de Festas, Carme da Silva e Xosé Feijoo, integrante de Os Chichisos, presentaban esta foliada sinalando que un dos principais obxectivos é recuperar o baile agarrado. Na recreación da verbena non faltará a vendedora de rosquillas.
FESTAS SEN INCIDENTES
Carme da Silva tamén aproveitou para destacar que as festas se están desenvolvendo sen incidentes de gravidade e que están a ser un éxito de público, de participación e de dinamismo. Neste sentido, subliñou que dos 150 contratados asinados desde a súa concellería para estas festas, 130 realizáronse con empresas de Pontevedra.
Indicou que, en todo caso, as festas de verán non finalizan ata que conclúa a Feira Franca na primeira fin de semana de setembro.