Pontevedra acollerá sete películas de cinema árabe na mostra "Amal en ruta"
Por Oskar Viéitez
Este martes presentouse no Concello de Pontevedra a mostra de cinema árabe "Amal en ruta" que se desenvolverá do 4 ao 9 de setembro no Teatro Principal.
"Amal en ruta" é un resumo da última edición da Semana de Cinema Euroárabe Amal, que consta de catro películas de ficción, dous documentais e unha curtametraxe que "supoñen un percorrido polo mellor cinema árabe da actualidade", segundo destacou Ghaleb Jaber, director da Semana de Cinema Amal.
Ghaleb Jaber sinalou que esta é unha edición especial "porque está dedicada á muller" xa que todas as películas están dirixidas ou protagonizadas por mulleres.
Esta actividade cultural, que recala por segunda ocasión en Pontevedra, achega á cidadanía á complexa e poliédrica realidade social, cultural e política do mundo árabe.
Para o luns 4 de setembro, ás 21 horas, proxectarase a película "3.000 noites", de Mai Masri, unha historia de maternidade no cárcere que se converte nunha "metáfora da Palestina ocupada". O martes 5 será a quenda de "After spring", dirixida por Ellen Martínez e Steph Ching, que abordan o conflito sirio desde a visión dunha nena que vive nun campamento de refuxiados.
"10 anos e divorciada" é a película da iemení Khadija Ao-Sanami que se poderá ver o mércores 6 de setembro sobre os matrimonios infantís.
O xoves 7 proxectaranse a curtametraxe palestina "Ave María" que foi nomeada ao Óscar e o documental "Nearby Sky" sobre Fátima Alhameli a primeira muller propietaria de camelos dos Emiratos Árabes.
"Barakah meets Barakah" é unha comedia sobre dous mozos de diferente clase social que se namoran en Arabia Saudita, unha película que resulta interesante porque é dos poucos filmes producidos nese país. Verase o venres 8 ás 21 horas.
E finalmente o sábado 9 de setembro ás 21.15 horas e con música en directo do Caspervek Trío proxectarase un curto animado alemán de 1926, a película de animación máis antiga da historia, "As aventuras do príncipe Achmed".