Monicreques e cinema para as noites de verán en Bueu
Por Redacción
A programación organizada pola concellería de Cultura de Bueu para este verán inclúe todos os martes pola noite unha sesión de títeres de verán e os mércores proxeccións cinematográficas na praza Massó.
Segundo informou o Concello a través dun comunicado, este martes día 8 de agosto os nenos de Bueu e visitantes poderán gozar de monicreques da man da compañía Fantoches Baj, que representará a obra Rodarirrodari, ás 21.00 horas.
Trátase dun espectáculo de narración oral que combina os títeres cun acompañamento musical en directo. Utiliza contos tradicionais de Gianni Rodari e o tranvía de Marín como medio de transporte e parte da domesticación dun burro para chegar ao uso e abuso das novas tecnoloxías.
Este mércores a partir das 22.00 horas, grandes e pequenos poderán gozar da proxección de ET. Este clásico do cinema narra as peripecias dun pequeno ser doutro planeta que queda abandonado na Terra cando a súa nave, ao emprender o regreso, se esquece del. Está completamente só e ten medo, pero farase amigo dun neno que o agocha na súa casa e, coa axuda dos seus irmáns, intenta atopar a forma de que regrese ao seu planeta antes de que o encontren os científicos e a policía.
O programa de monicreques e de cine na rúa rematará a vindeira semana, coas obras A cabeza do dragón (martes 15 de agosto ás 21.30 horas) a cargo da compañía Cachirulo e o filme La vida de calabacín (mércores 16 de agosto ás 22.00 horas).