O liño e o seu papel na indumentaria tradicional
Por Redacción
A Asociación Etnográfica Sete Espadelas impartiu este sábado unha conferencia titulada "O liño e o seu papel na indumentaria tradicional" que se engloba dentro dos actos que teñen lugar con motivo da exposición que este domingo clausuran na Casa da Luz de Pontevedra sobre o proceso artesanal do liño: O liño, da terra ao armario.
José Luis Rodríguez e David Quiñones, membros de Sete Espadelas, levan anos investigando e estudando ao redor do noso traxe tradicional. Ambos posúen varios premios de investigación "Antón Fraguas" e obtiveron máis de 15 primeiros premios no día de enxalzamento do traxe tradicional en Santiago nos últimos anos.
Durante a conferencia fíxose un breve repaso ao proceso artesanal do liño, desde a súa sementeira ata que se transforma en tecido, así coma os usos destes diferentes tecidos na confección do noso traxe tradicional.
Os asistentes puideron observar as diferentes prendas antigas amosadas, feitas con tecidos de liño, así como a explicación dos diferentes patróns e métodos de confección tradicionais.
A exposición O liño, da terra ao armario clausúrase este domingo, tras 15 días na Casa da Luz, onde ademais de amosar todo o proceso do liño tamén se puideron ver cada un dos aparellos antigos usados para os diferentes pasos, desde mazas, rastrelos, espadelas, rocas, ata un tear restaurado e actualmente en funcionamento.
Relacionadas:
-
Os traxes galegos máis vistosos, no Casino Mercantil
Por Redacción |
-
Ollar e desfrutar ollando traxes tradicionais
Por Redacción |
-
Sete Espadelas obtén cinco premios no Certame do traxe tradicional galego en Compostela
Por Redacción |
-
A tradición téxtil galega vinculada ao liño amósase na Casa da Luz ata o 6 de agosto
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O traxe tradicional galego loce na pasarela da Deputación Provincial
Por Diego Torrado |
-
O Pazo Provincial da Deputación vai converterse en pasarela de traxes tradicionais galegos
Por Redacción |