O pianista Josep Colom recreará en Pontevedra os estudos de Chopin
Por Oskar Viéitez
Como o seu propio nome indica, os estudos son pezas musicais destinadas primordialmente ao desenvolvemento da técnica, ao dominio dunha destreza específica, o que fai que adoitasen basearse nun único motivo musical.
Dos milleiros de estudos para piano escritos durante o século XIX, os realizados polo compositor polaco Fryderyk Chopin foron os primeiros "nos que se realizou plenamente o ideal de combinar esta finalidade práctica cun contido de elevada significación musical". Así o destaca o pianista barcelonés Josep Colom, que o vindeiro xoves 10 de agosto recreará 24 destes "poemas sonoros intensmente concentrados" no concerto que, da man da Vicerreitoría do campus, ofrecerá no Conservatorio Manuel Quiroga de Pontevedra.
O recital Estudios de Chopin, programado para as 19.30 horas, contará con entrada gratuíta, previa recollida de invitación na Casa das Campás.
As invitacións poden reservarse ata completar aforo a través do correo vic.pon@uvigo.es ou do teléfono 986802080, pero será preciso recollelas antes do concerto na sede da Vicerreitoría do campus.