Cambio de imaxe para o Orixe Festival de Caldas
Por Redacción
O Orixe Festival celebrarase do 22 ao 26 de agosto en Caldas de Reis e estrea novo formato. Anteriormente denominábase Orixe Candente e duraba dez días. Este ano será de 5 días baixo a nova denominación con cambio de imaxe.
Este venres presentábase no Concello de Caldas con integrantes da Asociación Zona Afectada, entidade organizadora, ademais do alcalde Juan Manuel Rey e o deputado de Cultura, Xosé Leal.
O festival manterá a súa faceta solidaria de anteriores edicións. Javier Lago, presidente de Zona Afectada afirmaba que a entrada solidaria do concerto da noite do día 26 irá destinado ao Banco de Alimentos. Será no dique e participarán Os Druídas, Tanxugueiras, Eon Dry, Skandalo GZ, Arrhytmia, Calle del Ruido e GHZ.
Pero ademais haberá numerosas actividades, todas elas a pé de rúa, con ofertas para todas as idades e gustos. O 22 de agosto presentarase na Praza da Leña o libro 'Himno galego: unha historia arlamentar (inconclusa)', de María Pilar García Negro. Ao día seguinte proxectarase o filme 'Más allá del Río Miño'. Esta obra estreouse en 1969 e narra un drama familiar no rural galego con todos os exteriores rodados no municipio de Caldas de Reis.
O 24 de agosto, o actor Avelino González ofrecerá unha monólogo e o venres 25, a música elaborada en Caldas poderase escoitar en micro concertos de 30 minutos en diversos puntos do centro urbano. Ao terminar, a Banda de Música de Caldas pechará esa xornada musical. A edición deste ano finaliza o sábado 26 co gran concerto solidario.