A tradición téxtil galega vinculada ao liño amósase na Casa da Luz ata o 6 de agosto
Un percorrido por todo o proceso de cultivo, tratamento e tecido do liño. É o que se pode contemplar na exposición O liño, da terra ao armario, que se pode visitar ata o próximo 6 de agosto na Casa da Luz de Pontevedra.
A mostra, organizada pola asociación etnográfica Sete Espadelas en colaboración co Concello de Pontevedra e a Deputación, fai un percorrido pormenorizado e moi visual por todo o proceso que o liño debe seguir desde que é sementado ata que se transforma en tecidos e pezas de roupa.
Así, a exposición consta de sete vitrinas con diferentes utensilios para traballar o liño, como fusos, rocas, mazas ou restrelas, e con tecidos xa terminados como sabas antigas, toallas, chales, manteis ou camisas tradicionais.
Inclúe tres manequíns con pezas de roupa confeccionadas en liño, cinco cobertores realizados con diferentes técnicas, un tear, e unha selección de aparellos como un sarillo, un ripo ou espadelas. En dous grandes paneis explicativos, ademais, poden seguirse todos os procesos do liño e as tarefas artesás que leva asociadas.
A mostra inclúe como actividade complementaria unha conferencia que, baixo o título O liño e o seu papel na indumentaria tradicional, terá lugar o sábado 5 de agosto ás 19.00 horas na Casa da Luz.
Na presentación, os organizadores coincidiron en salientar a importancia de poñer en valor e recuperar unha tradición téxtil de gran relevancia na Galicia dos séculos XVIII e XIX e que deixou de ter importancia coa introdución dos tecidos industriais.
A concelleira de Promoción da cidade, Anabel Gulías, afirmou que esta mostra "permítenos coñecer o noso patrimonio material pero tamén o inmaterial, por todo o que supón de amosar un xeito de vida da Galicia como foi o cultivo do liño e os tecidos tradicionais".
Sobre esta idea tamén incidiu o deputado provincial de Cultura, Xosé Leal, que ademais de agradecer a Sete Espadelas a recuperación do patrimonio tamén lle agradeceu o traballo para "facelo visible en exposicións coma esta que nos vai permitir coñecer todos estes procesos artesanais".
Pola súa banda, o presidente e o tesoureiro da asociación, David Quiñones e José Luis Rodríguez, explicaron que este proxecto "nace coa idea de recuperar o proceso do liño, desde a sementeira ata o tear, como este que temos aquí que conseguimos en Lugo e que reconstruímos nós, repoñendo as pezas que lle faltaban".
Ambos destacaron que Galicia fora "unha potencia" que exportaba liño de gran calidade no século XVIII e do que aínda quedan vestixios escritos en textos da época que falaban do "fino lenzo galego". Destacaron ademais "toda a labor de investigación que hai detrás de todo isto e todo o traballo de recuperación de aparellos antigos".
Relacionadas:
-
O liño e o seu papel na indumentaria tradicional
Por Redacción |
-
Sete Espadelas obtén cinco premios no Certame do traxe tradicional galego en Compostela
Por Redacción |
-
O traxe tradicional galego loce na pasarela da Deputación Provincial
Por Diego Torrado |
-
O Pazo Provincial da Deputación vai converterse en pasarela de traxes tradicionais galegos
Por Redacción |