Moraña e Pontevedra vivirán unha xornada de Música nos Palcos
Por Redacción
Recuperar a importancia que os palcos da música tiveron nas vilas da provincia. Con ese fin nace o ciclo cultural Música nos Palcos, composto por tres concertos en Moraña, Pontevedra e Vigo.
A primeira das actuacións terá lugar este mércores 19 de xullo, ás 21:30 horas, no palco da música de Santa Xusta, en Moraña.
"Neste primeiro caso apostamos por unha romaría dentro dunha festa parroquial, que era o sentido que tiña nas aldeas, e aproveitando un entorno de gran valor paisaxístico", indica o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.
Ademais, sinalou que con este ciclo tamén buscan poñer en valor unha nova fornada de músicos galegos que apostan por recuperar a nosa tradición musical e a ofrecen dun xeito contemporáneo e atractivo como Orquestra Os Modernos e Áureas en voga.
Ambos teñen repertorios baseados en ritmos propios da música tradicional galega en convivencia con outros máis internacionais e sempre orientados ao baile. Deste xeito, pretenden achegar a música en galego a un público amplo e aberto á fusión de diferentes estilos.
No caso de Áureas en voga, que protagonizarán o concerto de Moraña, trátase dunha formación de cinco mulleres, que no escenario se transformarán nunha arxentina, unha polaca, unha brasileira, unha inglesa e unha galega, e que unidas pola música, a emigración e a necesidade da liberdade, interpretarán ritmos bailables de moda de comezos do século pasado, en torno aos anos 20.