Médicos sen Fronteiras trae a Pontevedra a exposición 'As vidas da auga'
Por Redacción
O Café Moderno acolle ata o próximo 22 de xullo a exposición As vidas da auga, composta por case unha trintena de fotografías realizadas polo fotoxornalista Juan Carlos Tomasí en Níxer.
A mostra, promovida pola Fundación We Are Water en colaboración con Médicos Sen Fronteiras, reflicte nas súas fotografías como a dificultade de acceso a fontes hídricas ten unha negativa repercusión na vida cotiá da sociedade, posto que é directamente corresponsable da desnutrición infantil e do ciclo da fame no país.
As fotografías que articulan esta exposición están tomadas na rexión de Tahoua, no sur de Níxer, unha área rural na que a vida da xente está intrinsecamente vinculada á produción agrícola e ao ciclo de precipitacións.
A auga é nesta zona o elemento esencial para garantir o destino de miles de persoas, posto que dela depende a colleita que serve para abastecer de alimento á poboación.
Ademais, unha boa calidade hídrica contribuiría a minimizar os efectos letais da desnutrición infantil severa e a malaria, e, por tanto, reducir de forma considerable a mortalidade en nenos e nenas menores de 5 anos.
As fotografías de Tomasi, reputado fotoxornalista con experiencia en conflitos e crises humanitarias en Ruanda, os Balcáns, Afganistán, Somalia, Sudán ou na República Democrática do Congo, actúan tamén como testemuño do traballo que Médicos sen Fronteiras vén desenvolvendo para loitar contra os efectos desta crise crónica.
A exposición permanecerá aberta en horario de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e os sábados de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas.