Xullo, en El Náutico do Grove: Fuel Fandango, Dayna Kurtz, Albert Pla, Malandrómeda, De Vacas ou Anaut
Por Alejandro Espiño
Un ano máis, El Náutico do Grove volverá ser un lugar de obrigada visita durante este verán. O local, situado en San Vicente do Mar, está a preparar unha programación musical de auténtico luxo para os meses de xullo e agosto, a súa tempada alta. E visto o avance que revelaron na súa páxina web, os seus responsables van camiño de conseguilo con fartura.
Fuel Fandango, Dayna Kurtz, Albert Pla ou Anaut serán, entre outros, as grandes apostas musicais para este mes de xullo, xunto cun festival que reunirá a algunhas das bandas galegas máis importantes do momento como Malandrómeda ou De Vacas.
A oferta musical arrancará xa este fin de semana cunha tripla oferta.
O venres 7 de xullo ás 01.00 horas actuará Best Boy, unha das bandas que acaban de actuar no recente Atlantic Fest. Ao día seguinte, un clásico do local, Miguel Costas será o que se suba ao escenario do Náutico. Xa o domingo 9, ás 20.00 horas, o dúo formado por Patricia Moon e Robin Banerjee versionarán os grandes temas de Amy Winehouse.
O trío vigués Igmig servirá de aperitivo, o venres 14 de xullo ás 01.00 horas, á cuarta edición do Festival Ribeiro 2017 que, a partir da unha do mediodía do sábado 15 de xullo, ofrecerá un cartel formado por Malandrómeda, De Vacas, Sen Senra, Escuchando Elefantes e Kings of the Beach, acompañado de catas e presentacións de viños da DO ourensá.
Albert Pla regresará a El Náutico o venres 21 de xullo, á unha da madrugada, mentres que a banda madrileña Anaut actuará o sábado 22, tamén no mesmo horario nocturno. Xa o domingo 23 haberá unha sesión tripla con Azul de Bueu, Antonio Lizana e Fred Wesley Generations.
Os últimos concertos do mes serán o de Fuel Fandango, que presentará en directo os temas de Aurora, o seu último disco, o luns 24 de xullo ás 01.00 horas; e o de Dayna Kurtz, que fará o propio o martes 25 de xullo, en horario de tarde, ás oito.