O film "Le parc" gaña o premio Novos Cinemas
Por Diego Torrado & Redacción
O xurado oficial, composto por, Alejandra Trelles, Carlos Losilla e Nely Reguera, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación decidiu concederlle unha mención a: I tempi felici verranno presto, de Alessandro Comodin, pola forza e a suxerencia das súas imaxes que viaxan dunha maneira moi libre da realidade ao mito.
O xurado oficial decidiu outorgar o Premio NOVOS CINEMAS Marqués de Vizhoja á mellor longametraxe a: Le parc, de Damien Manivel, "pola verdade coa que retrata os primeiros encontros amorosos e a súa arriscada proposta narrativa".
Premio especial NUMAX SECCIÓN LATEXOS para Una vez fuimos salvajes de Carmen Bellas, "polo retrato da mocidade que habita a periferia dunha gran cidade, a partir dun inventario de miradas, xestos, situacións e expresións que conectan as infancias de diferentes culturas na procura do universal que comparten. Pola maneira de combinar a limpeza e lixeireza no ollar coa propia subxectividade da autora sen ocultar os límites do reto que enfronta".
Premio do PÚBLICO "CINEMAS DE GALICIA", en colaboración con AGADIC como axuda á distribución, incluindo o filme premiado na rede de salas públicas para a exhibición cinematográfica "Cinemas de Galicia", para Estiu 1993 de Carla Simón.
O xurado novo da Edición 02 de Novos Cinemas, formado por Iria Potti Vázquez, Pablo Aguilar Martín, Irene Martínez Doce, Ana Pérez Valdés e Marta Rodríguez Valverde, despois do visionado dos filmes a concurso e a deliberación, outorgan o Premio XURADO NOVO Café Sabora a: Occidental, de Neïl Beloufa, pola creación dun universo estético e pictórico cunha ollada fresca e arriscada. Pola súa intriga, misterio e os xiros inesperados da trama. Pola creación de personaxes carismáticas e as relacións que se establecen entre elas.