O arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota será a figura homenaxeada no Día das Artes Galegas 2018
Por Oskar Viéitez
A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) celebrou este sábado, día 1 de xullo, sesión ordinaria na súa sede da Coruña na que se decidiu que o arquitecto pontevedrés Alejandro de la Sota sexa o persoeiro que será homenaxeado en 2018 no Día das Artes Galegas.
"Sen dúbida pode e debe ser considerado unha das personalidades galegas máis influíntes do século XX e, probablemente, o máis notable de entre os arquitectos españois da segunda metade dese século. A súa obra esténdese por toda España e, loxicamente en Galicia, onde os seus edificios son dos máis estudados e publicados da nosa Arquitectura Moderna", manifesta a Real Academia Galega de Belas Artes.
A efeméride celebrarase o 1 de abril, data sinalada pola Real Academia Galega de Belas Artes para festexar a figura e obra artística do homenaxeado de la Sota, co obxecto de sensibilizar á sociedade do valor patrimonial da cultura de Galicia.
Alejandro de la Sota Martínez (Pontevedra, 1913 – Madrid, 1996) foi un dos arquitectos españois mais prestixiosos e recoñecidos do seu tempo. A súa arquitectura, desde os seus inicios na profesión, enlaza co pensamento máis avanzado do Movemento Moderno europeo.